Daniel Salgado

a cidade xusta

I
o jazz non serve para os restaurantes: en cada fío musical agóchase a policía secreta: desembalar a vida moderna como obxectivo político inmediato: hai celofán entre nós e as cousas:

II
os muros da cadea afectan aos ocos da lingua: nada dá igual: “o home, coas súas pequenas e rosadas dedas, / cos seus dedos milagreiros / non é un templo / senón un pendello, / digo en voz alta”[1]: as arquitecturas traballan para o inimigo: quen deseñou o campo de batalla?:

III
pero o asedio funciona: a estratexia do cisne pertence á ideoloxía dominante e unicamente cabe a decapitación: a vantaxe da animalidade ou a corrosión das formas: infectar:

IV
contra as engrenaxes do monopolio: contra a asunción da normalidade: contra o espectáculo dos dedos cortados: contra os enxeños da luz artificial: contra o besbello da organización: contra quen educa aos educadores:

V
a experiencia dicta resistencia ás recuperacións: nunca integrarse: preferencia pola humidade das marxes, pola crueza dos antagonismos: o acougo das galerías subterráneas:

VI
o territorio practicábel é de sombras: existe unha retórica de auroras e porén non está operativa: fica o desprezo:

as artes da toupeira.



[1] ‘Logo de Auschwitz’, 1975, Anne Sexton.

Comments

The URI to TrackBack this entry is: http://quevoltemacasa.blogsome.com/2007/10/24/daniel-salgado/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Sorry, the comment form is closed at this time.