Texto de Braulio Amaro para a rolda de imprensa de apresentaçom da Plataforma
Que volten a casa Ugio e Giana
A situación dos presos e presas é un test da saúde democrática dun sistema político e dos valores dunha sociedade, un termómetro que vale máis que mil declaracións formais, e ese termómetro, hoxendía, no Estado español, está baixo cero, porque o governo español está aplicando auténticas políticas de exterminio.
Aos presos e presas políticas e tamén aos sociais néganselles neste momento o exercicio de dereitos considerados como fundamentais:
· Négaselles un trato digno e respectuoso, na medida en que persisten os maltratos e torturas, malleiras e illamentos inhumanos.
· Carecen dunha atención sanitaria digna, négaselles a posibilidade de ser visitados por médicos de confianza. As condicións sanitarias deixan moito que desexar, …
· As súas comunicacións con amigos, familiares, etcétera, son moi restrinxidas, e en moitas ocasións intervidas.
· Incorporan de xeito sistemático, indiscriminatorio e xeneralizado aos presos políticos aos chamados presos F.I.E.S.
· Non se aplica a liberdade condicional a quen cumpriron as tres cuartas partes ou os dous terzos da condena (segundo o Código Penal) e discrimináselles na aplicación de redencións e beneficios penitenciarios.
Todas estas vulneracións teñen lugar no marco da política de dispersión dos presos políticos, eis a Ugio e Giana, dispersados en común e dispersados da súa realidade. Tampouco temos que esquecer que mesmo sucede con outros e outras presas políticas: Por referirmos ao caso mais salientábel, os presos e presas de Euskal Herria, menos do 2% dos presos e presas políticas vascas cumpre condena en cárceres situados en Euskal Herria, esta é a política de dispersión deseñada nos anos 80 polo Goberno do PSOE, como un castigo tanxíbel á disidencia e á resistencia popular.
A dispersión contraría os principios máis elementais do réxime penitenciario e estende o castigo aos familiares e persoas achegadas. Para estes, estar breves momentos coa persoa presa supón un gran esforzo en termos de tempo, de diñeiro, e de risco derivado dos longos desprazamentos.
En xeral, a política penitenciaria do governo español é incompatible e contradictoria cos tratados e acordos internacionais ratificados polo Estado español, e coas resolucións e recomendacións emanadas de diferentes institucións e organismos que velan pola súa vixencia.
Por todo isto esiximos:
1º O respecto de todos os dereitos de que son suxeitos este cidadán e esta cidadá galega; dereitos que nun Estado democrático non poden verse mermados, en virtude do respecto debido ao principio constitucional de presunción de inocencia.
2º A transferencia de Giana Rodrigues e Ugio Caamanho a un centro penitenciario situado na Galiza, rematando así coa medida ilegal da dispersión, engadida á prisión preventiva, e que afecta a decenas de familiares e amigos e amigas de Ugio e Giana.
3º A liberdade provisional de Giana Rodrigues e Ugio Caamanho durante o tempo previo á celebración do xuízo, por ser inxustificábel e innecesaria a permanencia en prisión. Adiante compañeiros e compañeiras, coa forza da razón, coa forza popular e coa vosa resistencia ímolo a conseguir.
Galicia, 22 de Xuño de 2006
Braulio Amaro Caamaño
